Logo de repetir a experiencia outros dous anos, Carlos Martínez, Alberto Ferreño, Pablo Sánchez e Álvaro Pérez deciden formalizar a inscrición da asociación, xa co nome de Castelo Deporte, no rexistro da Xunta de Galicia, para comezar unha traxectoria de actividade constante ata hoxe.
Castelo Deporte defínese como asociación cultural e deportiva, e propón actividades dirixidas á mocidade, sen esquecer a defensa de valores como a lingua ou a cultura propia, e a defensa dos intereses da parroquia de Castelo, en Culleredo. Ademais, a innovación é un elemento transversal a toda a súa actividade, empregando as novas tecnoloxías tanto en cada un dos eventos que organiza como na comunicación e a difusión pública.
Os obxectivos da asociación Castelo Deporte divídense en oito puntos:
- Impulsar todo tipo de disciplinas deportivas como prácticas sociais integradoras, especialmente á hora de unir ámbitos habitualmente contrapostos coma o urbano e o rural en toda Galicia.
- Valorar e potenciar a cultura rural galega como elemento esencial da nosa identidade como pobo, dándoa a coñecer, salientando a súa riqueza e poñendo en valor as súas características diferenciais.
- Planificar políticas de xuventude acordes coa sociedade actual, tendo en conta as actitudes e comportamentos da mocidade e facendo partícipe a este sector na elaboración de programas e actividades concretas.
- Potenciar as novas tecnoloxías da información e a comunicación como ferramentas de grande utilidade para facer da sociedade actual unha fonte de ideas e pensamentos a compartir entre todos.
- Salientar o valor de elementos como a música á hora de crear complementos atractivos na organización de todo tipo de actividades dirixidas á mocidade.
- Concienciar á poboación na defensa do medio ambiente, en especial dos espazos naturais protexidos, como importante valor da nosa terra.
- Defender a lingua galega e promover o seu uso habitual entre a poboación, especialmente entre a mocidade.
- Poñer de manifesto as necesidades da parroquia cullerdense de Castelo evalorar as súas posibilidades para acoller actividades relacionadas co deporte e a cultura.





