Deportes

Castelo Deporte fúndase grazas ao deporte, e ten no deporte unha das súas grandes razóns de ser. Apostamos por todas aquelas prácticas que se desenvolvan en condicións de competitividade saudable, co xogo limpo por diante e o compañeirismo como máxima. Aínda que o fútbol (e en especial o fútbol sala por ter na nosa sede unha pista que empregamos para organizar diferentes eventos) é o deporte ao que prestamos máis atención, non deixamos de lado ningunha outra disciplina.

Durante os anos 2006, 2007 e 2008 organizamos a derradeira semana de agosto o que chamamos 'Torneo de Fútbol Castelo', coa participación de equipos de toda a comarca. Foi un ano despois cando decidimos dar un salto, converter o noso campionato en todo un maratón, cunha duración próxima aos sete días e máis de vinte equipos participantes.

O Castelo Deporte 2009 cumpriu esa función. Case mil espectadores achegáronse ás gradas da polideportiva de Castelo nun evento no que, como pretendiamos, confluiron os ambientes urbano e rural, con conxuntos procedentes de toda a área metropolitana da Coruña e da propia cidade.

En 2010 organizamos a Liga de Fútbol Culleredo Mocidade, un evento que levou a doce equipos a participar durante dous meses, e con partidos todas as fins de semana. As diferentes pistas polideportivas ao aire libre distribuídas por todo concello serviron para abrir Culleredo á mocidade.

En abril de 2010, a I Travesía do Xalo reuniu a máis de trescentas persoas na contorna do monte Xalo, nunha carreira e unha andaina recordada por todas e todos. En verán, o Castelo Deporte 2010, na quinta edición dos eventos deportivos de finais de agosto, pechou o programa de actividades da asociación nese exercicio.

O ano 2011 foi o da consolidación, co reto de organizar tres grandes eventos en menos dun mes, naceu o Castelo Non Para, un maratón de fútbol sala de vintecatro horas, e repetiuse a Travesía do Xalo cunha participación aínda maior. No verán tivo lugar unha nova edición do Castelo Deporte, con cinco días de competición e os premios económicos de maior relevancia en toda a historia da actividade.

Sen embargo, o 15 de abril de 2011 pasa a historia por ser o día no que Castelo Deporte organizou a súa actividade de maior relevancia, o Descenso ao Xalo. O evento, incluído no Open de Galicia Novacaixagalicia da Federación Galega de Ciclismo, entusiasmou a centos de persoas, que se congregaron ao longo de toda a ladeira do Xalo pola que se fixo o circuíto.

deportes@castelodeporte.org