A incorporación de dez novos membros amplía o equipo de Castelo Deporte ata os trinta integrantes

A asociación reforza a presenza xuvenil no equipo de organización, que acada a maior participación da historia da entidade. Ningún dos membros ten máis de 22 anos.

Castelo Deporte amplía a súa plantilla de colaboradores de cara ao novo ano de actividades. A entidades máis activa de Culleredo pretende continuar e facer máis grande a súa axenda de eventos con novos membros dun equipo composto ata agora por en torno a vinte mozos e mozas do entorno da parroquia de Castelo. A previsión dun ano cargado de traballo levou á directiva da asociación a buscar novas colaboracións.


Incorpóranse á entidade dez caras novas que veñen participando das actividades de Castelo Deporte durante os últimos anos. Son os cullerdenses Rubén Domínguez, Brais Regueiro, Sergio Sande, Sara Claudia Padín e Paula Prego, o carralés Borja Gestal, os cambreses Borja López e Jacobo Torres, o arteixán Darío Gerpe e o coruñés José Vázquez. Este venres, a asociación celebrará unha primeira reunión na que se falará do plan de actividades para 2012, que a directiva pretende deixar pechado a mediados do mes de novembro.


Caras coñecidas no deporte comarcal
A chegada de novos membros ao equipo de Castelo Deporte trae caras coñecidas á plantilla da asociación. Segundo Alba Taboada, vicepresidenta da entidade, "son xente coñecida a nivel comarcal no mundo do deporte, ou incluso estudantes de disciplinas deportivas ou INEF, que de seguro aportarán cousas novas á asociación". Jacobo Torres e Brais Regueiro son dúas referencias do fútbol sala a nivel autonómico e Sergio Sande é un dos dianteiros máis destacados da súa categoría nun equipo coruñés.

Ademais, Castelo Deporte pediu tamén a través da súa vicepresidenta o apoio de todos aqueles mozos e mozas que se sintan identificados cos obxectivos de promoción do deporte e a cultura sobre os que traballa a asociación. Por iso, a través das canles habituais de contacto, Tuenti, Facebook e o correo electrónico contacto@castelodeporte.org, recibirase calquera colaboración ou idea interesante para contribuir á mellor constante do proxecto asociativo da entidade cullerdense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario