Castelo Deporte retoma a súa loita por unha asociación que represente os intereses de Castelo e defenda aos seus veciños sen irregularidades. Logo de que hai un ano a Xunta Directiva formada por cinco persoas pertencentes a dúas únicas familias chegase ao poder da entidade veciñal, nunha asemblea na que ao presidente da asociación Castelo Deporte non se lle permitiu falar, a presidenta da entidade recoñeceu a través dunha carta aos asociados uns elevados gastos.
DEFICIT NON RECOÑECIDO DE CASE 1.000 EUROS
Ademais de non xustificar gastos máis que con descricións como 'Se debía a Maribel', ou de recoñecer 156,53 euros en gastos de oficina, no suposto balance de situación introdúcese como ingreso o total en conta do pasado ano, para ocultar deste xeito un déficit en 2010 de 876,99 euros.
UN CENTRO SOCIAL AO SERVIZO DUN 5% DOS VECIÑOS
A nova directiva da Asociación de Veciños de Castelo, e en concreto a súa presidenta, xestiona o Centro Social de Castelo tendo en conta os intereses da súa familia. A través da concesión da barra que ten instalada no local, lúcrase mediante métodos que en innumerables ocasións foron denunciados por membros de Castelo Deporte. Este verán, a presidenta da entidade veciñal exerceu como competencia á Comisión de Festas de Castelo e a Castelo Deporte durante a celebración das festas e dos eventos da entidade cultural e deportiva, vendendo refrescos e bebidas a un prezo inferior ao que tiñan as outras dúas entidades.
ASEMBLEA O 29 DE XANEIRO
Castelo Deporte pretende retomar a súa loita, co apoio da maioría dos veciños de Castelo, para ter unha entidade veciñal acorde co protagonismo que Castelo está a ter dende hai tres anos grazas á actividade de Castelo Deporte e da Comisión de Festas. Por esa razón, o vindeiro 29 de xaneiro, o presidente da asociación asistirá á asemblea convocada pola presidenta da Asociación de Veciños para reclamar unha xestión transparente.




No hay comentarios:
Publicar un comentario