Avanzan as inscricións para os tres eventos que Castelo Deporte organizará esta primavera

A 'Travesía do Xalo' mantén a tendencia da primeira edición con xa máis de vinte inscritos en menos dunha semana. O 'Descenso ao Xalo', que Castelo Deporte organiza en colaboración co clube School Riders Team, ten xa máis de quince corredores anotados. O 'Castelo Non Para', a piques de chegar ao límite de doce equipos e pechar o proceso de xeito anticipado.

O proceso de inscrición para as tres actividades que a asociación Castelo Deporte ten previstas esta primavera avanza sen descanso, con case corenta participantes en total en menos dunha semana. As previsións da área de actividades son optimistas, xa que aínda non se comunicaron as actividades a través das correspondentes notas de prensa aos medios de comunicación.

A 'II Travesía do Xalo', que terá lugar o vindeiro 1 de maio en dobre modalidade de carreira e andaina, suma xa máis de vinte participantes. A proba reuniu o pasado ano, na súa primeira edición, a máis de trescentas persoas nun evento que se consolidou como referente no aproveitamento do monte Xalo para o desenvolvemento de actividades deportivas.


O 'Descenso ao Xalo', que este ano celebra a súa primeira edición, acumula xa máis de quince participantes, dos que máis da metade están inscritos na categoría de promoción (corredores sen licencia da federación). A organización ten previsto que co chamamento que se está a realizar a través das redes sociais e diferentes medios especializados aumenten as inscricións nas próximas semanas.

O 'Castelo Non Para' está a ser, polo momento, o evento de máis éxito. Recolle xa a participación de nove equipos, polo que a previsión é de que nos próximos días e ao chegar aos doce rexistrados o proceso sexa pechado, abríndose unha lista de agarda ata o día do sorteo da competición.

A través das webs específicas de cada evento é posible inscribirse nos mesmos:

- II Travesía do Xalo
- Descenso ao Xalo
- Castelo Non Para

No hay comentarios:

Publicar un comentario