O maratón deportivo de vintecatro horas quenta motores para a súa primeira edición, entre o 2 e o 3 de abril no polideportivo de Tarrío, en Culleredo, con doce equipos xa inscritos
Menos de dúas semanas e toda a ilusión posta sobre unha actividade nova, diferente e nunca antes organizada en Culleredo por unha entidade sen ánimo de lucro. Castelo Deporte volve apostar polo fútbol sala, nesta ocasión nun formato vintecatro horas que reunirá a máis de cen rapaces e rapazas de entre dezaseis e trinta anos nas instalacións polideportivas municipais de Tarrío.
En xogo 450 euros, un premio único para o campión que que pasar por enriba de once equipos de diferentes puntos de Culleredo e de toda a comarca da Coruña. No fondo, unha xornada completa de convivencia, deporte e ocio do máis saudable nunha actividade que Castelo Deporte ven planificando dende hai meses. Máis de quince voluntarios participarán en tarefas organizativas na que será a primeira grande acción da entidade cullerdense neste 2011.
Castelo Lounge & Drink
Unha vez máis, a oferta deportiva completarase co servizo imprescindible do bar que a propia organización prepara para o evento. A prezos populares e para servir un completo menú de cea, almorzo e xantar ás diferentes horas do día, o equipo do Castelo Lounge & Drink prepara xa unha completa carta de comida e bebida para facer fronta a toda unha xornada de deporte.
En directo a través de internet
Unha vez máis, Castelo Deporte aposta polas novas tecnoloxías. O equipo de innovación da entidade cullerdense instalará un completo dispositivo a través do cal na web do evento terase cumprida información de todo o que aconteza sobre a pista de Tarrío. O servizo multimedia de fotografías, audios e vídeos completará a posteriori a cobertura que a asociación pretende facer dun evento que pasará á historia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)





No hay comentarios:
Publicar un comentario