"Un éxito que non pode cambiarnos"

O presidente da asociación Castelo Deporte, Álvaro J. Pérez Becerra, resume nun artigo a avaliación da entidade logo do 'Descenso ao Xalo' do pasado 17 de abril en Celas de Peiro

Pouco sentido ten pensar que o traballo ben feito non pode estar mellor, a historia máis recente de Castelo Deporte confirma esta teoría. Non negaremos que o que pasou esta semana en Peiro foi o mellor que dende hai cinco anos fixo esta asociación, o mellor en calidade e o mellor en cantidade, xusto cando ninguén o esperaba, e incluso cando algúns pensabamos que meterse nun deporte tan complicado como o descenso de montaña en mountain bike fora unha decisión demasiado precipitada.

Ao final, e para sorpresa de tantos, centos de persoas encheron Peiro e deixaron nas nosas bocas un sabor diferente. Acostumados ao contraste entre rematar con ánimos pero sen saber moi ben que sentido tiña facer tanto para recibir tan pouco, nesta ocasión foi un ambiente diferente, moita xente contenta e agradecementos ou felicitacións a moreas o que cambiou as nosas caras. O domingo fixemos algo moi grande: traer ao Xalo, ao noso Xalo, un deporte máis.

Xa non nos arrepentimos de xuntar en abril tres eventos dunha magnitude que supera as nosas posibilidades, temos forza para todo e para máis, pero un éxito non pode cambiarnos. Somos moi conscientes de que o noso papel en Culleredo, en toda a comarca, é xa referencia para moitos, e non imos cambiar a nosa forma de facer as cousas, a nosa forma de sentir o deporte.

E non sei se procede comentalo, pero alguén que dende hai moitos anos deu moito por esta asociación como é quen escribe, o domingo deitouse sabendo que non era un día calquera, completamente feliz. Castelo Deporte non terá a capacidade de influir nas grandes decisións de quen manda nin de quen planifica, pero ten a capacidade de facer feliz a moita xente.

A seguir medrando, grazas de todo corazón por facer posible un día histórico.

Álvaro J. Pérez Becerra
Presidente de Castelo Deporte

No hay comentarios:

Publicar un comentario