Castelo Deporte fixo historia o pasado domingo organizando o evento máis complexo dos seus cinco anos de vida. O 'Descenso ao Xalo', unha proba cronometrada, a primeira puntuable do Open de Galicia - Novacaixagaliciade BTT da Federación Galega de Ciclismo, chegou a Peiro (Culleredo), para quedar por moitos anos. Foron 185 os participantes nas diferentes categorías, un éxito de participación sen precedentes para unha proba nova segundo comentaron membros da federación.
A asociación cullerdense organizou xunto co clube School Riders Team unha proba que encheu o lugar de Morteiral, en Peiro de Arriba, de bicicletas de montaña, deporte e un ambiente particularmente positivo, segundo recoñeceron varios membros da organización. En torno a un milleiro de persoas botáronse ao monte Xalo para presenciar ao longo de todo o circuito a habilidade dos corredores, que descenderon en dúas mangas a ruta na que o clube cullerdense levaba traballando dende hai meses.
A valoración, moi positiva segundo os representantes de ambas entidades, foi trasladada ao propio alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, que estivo presente na entrega de trofeos. O máximo mandatario do concello amosouse sorprendido polo éxito de público e participación, e comprometeuse a achegar a colaboración da institución local de cara a próximas edicións comezando a traballar moito antes para poder acadar resultados aínda mellores.
Pola súa banda, o presidente de Castelo Deporte, Álvaro J. Pérez Becerra, declarou sentirse moi orgulloso da asociación, e quixo agradecer de xeito moi especial a School Riders Team a súa aposta por levar unha actividade máis ao monte Xalo. Segundo sinalou, o Descenso ao Xalo é xa o reto máis complexo e de maior éxito da historia da asociación de Castelo.





No hay comentarios:
Publicar un comentario