Castelo Deporte presenta ao Concello de Culleredo o seu plan de actividades de cara ao ano 2012

Nunha xuntanza que mantiveron este venres representantes da entidade con membros do goberno local, acordouse manter a colaboración mutua no próximo ano.


A asociación Castelo Deporte inicia a súa rolda de contactos de cara á programación de actividades en 2012. A primeira xuntanza tivo lugar este venres no concello de Culleredo, e foron Álvaro Pérez Becerra, presidente da asociación, Alba Taboada, vicepresidenta segunda, e Carlos Martínez, secretario, os representantes de Castelo Deporte que quixeron facerlle chegar ao alcalde Julio Sacristán e varios concelleiros, os responsables das áreas coas que habitualmente traballa a entidade.

O presidente da asociación quixo agradecer aos membros do Concello a colaboración en todas as actividades destes últimos meses, e agás por pequenos detalles, amosouse moi satisfeito coa relación que actualmente manteñen as dúas partes.
Pola súa banda, o alcalde de Culleredo amosouse aberto a continuar coa colaboración aberta hai xa varios anos con Castelo Deporte, se ben apuntou que a situación actual fai necesario un esforzo especial por parte de todos, algo no que coincidiron os membros da asociación.

Actividades 2012
Álvaro Pérez Becerra presentou aos membros da corporación municipal a programación de actividades de cara ao próximo ano. Trátase dun completo dossier que mestura eventos relacionados coas áreas de deportes, cultura e xuventude, e no que Castelo Deporte fixo un esforzo para facer transversais a maior parte delas e así optimizar os recursos de todas as áreas do concello.

As dúas partes acordaron manter novos encontros nas próximas semanas para avanzar e concretar a colaboración en cada unha das actividades que ten previstas a asociación cullerdense.

A presentación das actividades de 2012, en rolda de prensa
No mes de decembro, Castelo Deporte ten previsto ofrecer unha rolda de prensa na que presentará o seu balance do traballo realizado ao longo do presente ano e fará público o programa de actividades para 2012. O acto será o punto de partida de cara a un exercicio co que a asociación quere marcar o inicio da súa proxección nun ámbito de actuación maior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario