Castelo Deporte traslada ao concelleiro de Deportes as intencións da entidade para 2012

Bernardo Peiteado comprometeuse a seguir apoiando as accións da asociación, advertindo non obstante sobre o mal momento económico e as prioridades do concello

O concelleiro de Deportes e Participación Cidadá do Concello de Culleredo, Bernardo Peiteado, recibiu a pasada semana a parte da directiva da asociación Castelo Deporte nas instalacións de Servizos Múltiples (O Burgo). Álvaro Pérez Becerra, Alba Taboada e Carlos Martínez aproveitaron para trasladar as principais peticións da entidade ao Goberno Local, entre as que se atopan o apoio institucional ás actividades promovidas pola asociación, unha solución definitiva para a polideportiva de Castelo ou mesmo axudas puntuais para a organización dos eventos previstos no plan de actividades.

O presidente de Castelo Deporte amosou a súa preocupación polo estado de desatención da instalación municipal da polideportiva de Castelo, que pola súa ubicación sofre un deterioro constante. Neste sentido, Pérez Becerra sinalou a necesidade de transformar o recinto de cara á III Travesía do Xalo para achegar unha boa imaxe á enorme participación coa que conta a proba. Incidiu ademais no "interese común" para asociación e concello.

A directiva da entidade quixo comentar ademais o sentimento de "comprensión" co que supón xestionar un concello como Culleredo na actual situación económica. "Non pedimos cartos porque non é o momento de pedir cartos, pero é importante que se recoñeza a tarefa que realiza a asociación". Peiteado amosou o apoio da súa concellería, e comprometeuse a facilitar os medios materiais dispoñibles para facilitar o traballo de Castelo Deporte.

A xuntanza co concelleiro de Deportes enmárcase nunha serie de encontros cos titulares das áreas nas que a asociación actúa de xeito directo. A próxima semana o responsable de Mocidade, xunto coa directora de Actividades e o propio presidente da entidade reunirase coa concelleira Marta Iglesias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario