O alcalde de Culleredo presenta en Coruña The Style Outlets a segunda edición do Descenso ao Xalo acompañado polo presidente de Castelo Deporte e varios compoñentes de School Riders
A segunda edición do Descenso ao Xalo promete ser todo un éxito: máis de 150 ciclistas están inscritos xa na proba que se celebrará esta fin de semana en Peiro, na parte cullerdense do monte Xalo. O alcalde de Culleredo presentou onte a competición nun acto celebrado no Coruña The Style Outlets de Alvedro no que tamén participaron o concelleiro de Deportes, Bernardo Peiteado, o presidente de asociación Castelo Deporte, Álvaro Pérez Becerra, o responsable do centro comercial, Javier Torralba, e varios ciclistas do School Riders Team, entre eles o actual campión de Galicia de Descenso na categoría junior, Aarón Caballero.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, cualificou o Descenso ao Xalo como unha proba “espectacular que se celebra nun lugar espectacular como é a falda do Monte Xalo”. Sacristán confesou que descoñecía a existencia desta modalidade deportiva da mountain bike até que o ano pasado se celebrou a primeira edición do Descenso, “unha competición moi apetecible para ver como espectador”, polo que animou aos veciños da comarca a acudir esta fin de semana a Peiro para gozar “da natureza e do deporte”. Ademais, o rexedor cullerdense destacou o feito de que a segunda edición da proba xurda da “colaboración múltiple” de varias asociacións, institucións e patrocinadores. Pola súa parte, Javier Torralba subliñou o apoio do The Style Outlets de Alvedro ás iniciativas relacionadas “co deporte, o medio ambiente e as iniciativas sociais”.
Canto ao presidente de Castelo Deporte (unha das asociacións coorganizadoras do Descenso), Álvaro Pérez Becerra destacou a importancia “do Monte Xalo como un gran recurso natural no que se poden facer moitas e moi boas actividades” deportivas e medioambientais, como a Travesía ao Xalo que vén de organizar a propia asociación a pasada fin de semana e na que participaron máis de 300 corredores de montaña. Pérez Becerra felicitouse polo bo ritmo que está levando a inscrición de ciclistas para o Descenso ao Xalo, pois xa hai máis de 150 anotados para a carreira, e confiou en chegar aos 250 o propio domingo. A inscrición pódese facer por internet na web até o xoves ou no propio monte Xalo a partir do sábado, e custa entre 20 euros (para ciclistas federados) e 25 euros (categoría de promoción para corredores afecionados, con seguro incluído).
O Descenso ao Xalo será a primeira das catro probas que conforman o Open Galicia de Descenso (que se completa cos descensos do 3 de xuño en Vilalba, o 24 de xuño en Santiago e o 13 de outubro en Ferrol), a máxima competición desta modalidade deportiva na comunidade. A competición celebrarase o domingo pola mañá, aínda que durante todo o día do sábado haberá entrenamentos no circuíto, un espectacultar trazado deseñado durante varios meses en Peiro, na parroquia cullerdense de Celas de Peiro, con saltos de até 3 metros e velocidades de até 50 km/h. O circuíto ten unha lonxitude de 2,08 quilómetros, con 310 metros de baixada acumulada (na web da proba pódese descargar o track do trazado en formatos tcx ou gpx).
O II Descenso Ao Xalo estará cronometrado por Magma Sport, unha das empresas líderes no sector. Ademais, como case todas as actividades organizadas pola asociación Castelo Deporte, unha das máis innovadoras da comarca, a proba será retransmitida en directo por internet a través da web www.descensoaoxalo.com grazas a unhas cámaras que se instalarán na meta.
School Riders Team
No acto de presentación celebrado onte en Alvedro tamén participaron varios ciclistas do School Riders Team, un club de mountain bike creado en Culleredo hai pouco máis dun ano e especializado nas modalidades de Descenso e Fourcross (carreiras entre catro corredores). Ataviados coas bicicletas (valoradas entre os 3.500 e os 7.000 euros cada unha) e a equipación de competición, os deportistas deron conta da crecente afeción a este deporte en Galicia, onde cada vez se celebran máis probas e se fundan máis clubes. Un dos membros do School Riders Team (coorganizadores do Descenso ao Xalo) presente onte en Alvedro foi Aarón Caballero, que con só 17 anos e pouco máis de tres anos practicando o deporte é o actual campión galego de Descenso na súa categoría.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)





No hay comentarios:
Publicar un comentario