Castelo Deporte participa na manifestación de Queremos Galego na celebración do 17 de maio

A responsable de cultura da asociación, Clara Pérez, asistiu esta mañá á marcha convocada pola plataforma cidadá da que a entidade cullerdense forma parte. 'Paremos os ataques contra o galego' foi o lema da manifestación á que asistiron máis de 25.000 persoas

A capital de Galicia acolleu a mañá deste xoves unha nova manifestación en defensa da lingua propia coincidindo co día das Letras Galegas, que este ano recorda a traxectoria e a contribución ao idioma do escritor, político e xurista Valentín Paz Andrade.

A marcha, convocada pola plataforma Queremos Galego baixo o lema 'Paremos os ataques contra o galego', foi secundada por máis de 25.000 persoas, entre elas, unha delegación da asociación Castelo Deporte encabezada pola responsable de cultura e solidariedade, Clara Pérez.
Partindo dunha Alameda ateigada de xente e para rematar na compostelá Praza da Quintana, a manifestación percorreu as principais rúas da capital con proclamas e cánticos en favor do galego, a súa presenza nas aulas, e contra os ataques que ven recibindo desde a Xunta de Galicia nos últimos anos.

Clara Pérez asegurou que "a resposta cidadá á convocatoria foi enorme", cun acto final que non poideron seguir todos os asistentes á manifestación polas reducidas dimensións da Quintana para unha marcha tan multitudinaria. Ao mesmo tempo, quixo recordar "o compromiso de Castelo Deporte coa lingua e a cultura propia", manifestando "todo o apoio ás accións da plataforma Queremos Galego", da que a entidade cullerdense forma parte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario