O evento contará con dous cabezas de cartel, un grupo novel e un deejay para toda unha noite de música na que Castelo Deporte aposta para esta edición por un festival de perfil baixo
A Asemblea Extraordinaria de Castelo Deporte, reunida este sábado no Centro Social Folgueira - Castelo, acordou organizar por terceiro ano consecutivo o Castelo Music Festival. Será por primeira vez un sábado, o 20 de agosto, e contará con dous grupos cabezas de cartel que, acompañados por unha banda novel e un deejay, encherán de música unha das noites máis especiais para a parroquia cullerdense de Castelo.
A asociación prescinde para esta ocasión de ambiciosos plans de marketing e fará un festival por e para a xente da comarca da Coruña. As dificultades económicas do actual momento son neste caso impedimento para afrontar un festival da magnitude do da pasada edición, aínda que a organización non descarta que o éxito do de este ano sexa maior por apostar decididamente por grupos e bandas locais.
Serán catro os que suban ao escenario da polideportiva de Castelo nesta ocasión (o pasado ano foron oito os grupos participantes). Deste xeito a organización quere facer unha festa máis intensa e ao mesmo tempo moito máis atractiva para os propios veciños da parroquia.
Representantes da asociación reuniranse co concelleiro de festas logo da constitución da corporación local en Culleredo para valorar posibles colaboracións de cara ao completo programa de actividades que Castelo Deporte prepara de cara á segunda quincena de agosto en Castelo.





No hay comentarios:
Publicar un comentario