A sede do Concello de Culleredo recibiu a todos os membros de Castelo Deporte para unha rolda de prensa na que o concelleiro de Deportes e Participación Cidadá quixo felicitar á entidade e dixo sentirse "orgulloso de colaborar cunha das entidades máis participativas e innovadoras de Culleredo". Alba Taboada e Álvaro J. Pérez Becerra presentaron o programa de actividades para este verán, "un evento que ten algo diferente porque quen ven repite".
A asociación Castelo Deporte presentou en Culleredo o seu programa de actividades para a segunda quincena de agosto: un feixe de propostas deportivas e culturais recollidas baixo o nome de Castelo Deporte 2011 e nas que colabora o Concello de Culleredo. Nunha rolda de prensa no salón de plenos do Concello, en Tarrío, o concelleiro de Deportes e Participación Cidadá, Bernardo Peiteado, destacou o dinamismo desta programación e, en xeral, o activismo da asociación Castelo Deporte, que malia contar con pouco máis de dous anos de vida ‘oficial’, “ten demostrado un especial interese por innovar, colaborar, participar e darlle vida a Castelo e a todo o concello”. “Estou moi orgulloso de colaborar con Castelo Deporte, quero darlles a noraboa por facer tantas cousas con tanto traballo e esforzo e con moi pouco tempo e recursos, dixo Peiteado.
Pola súa parte, o presidente da asociación, Álvaro Jesús Pérez Becerra, e a responsable do Castelo Deporte 2011, Alba Taboada, deron conta na rolda de prensa de todas as actividades que terán lugar do 20 ao 26 de agosto na parroquia cullerdense, unha programación cultural e deportiva que os mozos de Castelo veñen organizando en colaboración co Concello desde o ano 2006, coincidindo sempre coas festas patronais de San Ramón de Castelo. “Levamos seis anos organizando actividades en Castelo e seguimos tendo gañas de traballar, estamos no mellor momento”, dixo Pérez Becerra.
Alba Taboada, pola súa banda, destacou os aspectos innovadores das actividades de Castelo Deporte, entre os que destacou o feito de que todos os partidos do VI Torneo de Fútbol se retransmitirán en directo por internet. “Non facemos o torneo máis grande nin con mellores premios, pero temos algo especial porque todos os que veñen, repiten”, dixo Taboada.
Este ano, o programa de actividades de Castelo Deporte inclúe un torneo de fútbol sala retransmitido por internet con 1000 euros en premios, un campionato de fútbol virtual (videoxogo FIFA 2012 para PlayStation) con outros 250 euros en premios, unha nova edición do festival Castelo Music Festival (cun grupo de reggae-ska de cabeza de cartel), e o I Encontro de Asociacións Culturais do Concello, que se celebrará o día 20 de agosto.
Unha semana de actividades para a que a asociación Castelo Deporte conta cun orzamento de 10.400 euros e máis de 30 voluntarios (case todos menores de 22 anos) para a organización.
I ENCONTRO DEPORTIVO DE COMISIÓNS DE FESTAS DE CULLEREDO: DOMINGO 17 DE XULLO
Á marxe da programación do Castelo Deporte 2011, os directivos da asociación Castelo Deporte e o concelleiro de Deportes tamén presentaron onte outra orixinal iniciativa que terá lugar este domingo, 17 de xullo, na polideportiva do IES Isaac Díaz Pardo do Burgo: o I Encontro Deportivo de Comisións de Festas de Culleredo. Será un torneo de fútbol entre os equipos formados para a ocasión por diferentes comisións de festas de todo o municipio, entre elas a de Peiro, Vilaboa, Castro Laxe, Sésamo ou Almeiras. O torneo comezará ás 11:30 da mañá e prolongarase até as nove da noite, momento no que se entregarán aos trofeos aos equipos finalista e gañador, que tamén será convidado a unha cea por parte do resto das formacións. “Trátase de que os que sempre estamos organizando actividades, por un día tamén o pasemos ben”, dixo Álvaro Pérez Becerra, presidente de Castelo Deporte, que organiza esta actividade xunto co Concello de Culleredo e a Asociación Santa María de Vilaboa, que precisamente foi a entidade promotora do evento.




No hay comentarios:
Publicar un comentario