O I Encontro Deportivo Intercomisións de Festas de Culleredo, este domingo con Castelo Deporte

A Asociación Santa María da O de Vilaboa e Castelo Deporte preparan unha xornada deportiva para unir ás comisións de festas e asociacións de Culleredo. Hai xa apuntados sete equipos.

Unir a través do deporte a todos aqueles que adican o verán de xeito desinteresado ás festas das súas parroquias, é o obxectivo das asociacións Castelo Deporte e Santa María da O, que recollendo a petición do Concello de Culleredo para que as entidades cheguen a acordos de colaboración nun momento de especial dificultade económica, organizan este domingo o I Encontro Deportivo Intercomisións de Festas de Culleredo, un evento que nace coa idea de repetirse cada ano.

A cita terá lugar nunha sede aínda por confirmar por parte da Concellería de Deportes e Participación Cidadá, a organización traballa coa primeira opción do Isaac Díaz Pardo no Burgo e con Tarrío como alternativa. A mediados desta semana decidirase o pavillón que acollerá o encontro.

As comisións de Almeiras, Castro Laxe, Almeiras ou Peiro xa confirmaron, entre outras, a súa presenza no campionato, que se prolongará dende as 11.30 horas ata as 21.00 horas deste domingo nunha xornada que pretende ser, ante todo, festiva. Por esta razón, os membros da organización salientan a elevada participación como un dos aspectos a destacar á hora de promover este tipo de actividades.

Este venres, no local de Santa María da O, en Vilaboa, terá lugar o sorteo aberto ao público en xeral, e no que estarán presentes membros das dúas entidades organizadoras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario