Castelo, por moitos anos máis

A Comisión de Festas e Castelo Deporte levan o nome da parroquia por toda a provincia con dez días de actividades e milleiros de persoas chegadas de toda Galicia. Nunha palabra: GRAZAS!


Podemos pasar semanas e meses preparando algo coa maior das ilusións que, se algo non sae como está previsto, a decepción é enorme. Na memoria de todos están anos de chuvia, tormenta e frío. Noites nas que por moitas copas que servías sabías que a caixa non se enchía cos cartos necesarios para pagar aos grupos que subían sobre o escenario. No recordo quedan todos os que fixeron de Castelo a mellor das razóns polas que merecerá volver ao traballo nuns meses para preparar o que nun ano será de novo a mellor semana do ano. Rematando, e a piques de quitar a última torca do bochinche, de encher o último contenedor do lixo que horas antes era carne de churrasco, xusto antes de deixar atrás o campo da festa e a propia polideportiva, facemos balance.

A estas alturas, cando o relevo está preparado, falar de asociación ou comisión tanto ten. Nos, os que chegamos de adolescentes para ver como era unha festa por dentro, temos o reto de estar á altura dos que este ano foron quen de achegar máis xente que nunca a Castelo. O noso máis inmenso agradecemento a todos os que fixeron posible por sexto ano consecutivo unha semana de deporte, un novo festival de música, e dez días coidando da nosa polideportiva, por un tempo a nosa casa.

Podemos repetilo tantas veces como sexa necesario: Castelo vive, e ten toda a vida que nos lle queiramos dar. Polo momento, e por moito tempo, sabemos que o estrés, o agobio e o cansancio non poden con nós. O mellor é que aínda hoxe, como o primeiro día, seguimos pensando que esta historia non remata nunca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario