Castelo Deporte presentará esta semana catro solicitudes no rexistro do Concello de Culleredo

Trátase de peticións de entrevista cos concelleiros de Medio Ambiente, de Cultura e co propio Alcalde, ademais dunha solicitude para o acondicionamento da polideportiva de Castelo.

Antes de que se cumpra un mes do remate das actividades que a asociación Castelo Deporte organizou a derradeira semana de agosto na parroquia cullerdense, a directiva da entidade confirmou que esta semana presentará catro solicitudes no rexistro do Concello de Culleredo, no seu afán de manter a actividade de participación e acción social ante a institución local.

Entrevistas con membros do Goberno Local

Tres das solicitudes van referidas a diferentes xuntanzas que membros da asociación teñen previsto manter cos representantes do Goberno nas próximas semanas. En concreto, e para facer efectivo o compromiso adquirido nunha pasada reunión do mes de agosto, Castelo Deporte agarda un encontro coa concelleira de Cultura, Alicia Ferreiro, para presentarlle algunhas das propostas que a asociación ten previstas en materia de cultura. Foi esta unha petición expresa da concelleira na xuntanza de agosto, contar co tecido asociativo do municipio para a programación de actividades de baixo custo económico, un obxectivo valorado moi positivamente polos representantes da asociación de Castelo.

Por motivos ben distintos agardan os membros de Castelo Deporte ser recibidos polo concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Narciso Marzoa. Pretenden facerlle chegar o descontento de toda a parroquia de Castelo pola súa inacción á hora de manter as condicións de hixiene e limpeza fundamentais en diferentes puntos da parroquia durante a última semana de agosto. En dous exemplos concretos, o campo da festa da parroquia mantivo o lixo orgánico e inorgánico do primeiro día durante todos os días de  festexos, e na propia polideportiva de Castelo foron os membros de Castelo Deporte os encargados de conservar unhas condicións de salubridade mínimas ante eventos que acolleron a milleiros de persoas.

Por outra banda, Castelo Deporte solicitará unha xuntanza co Alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, para facerlle chegar o novo proxecto da entidade, que pretende recuperar a chamada 'Casa do Cura' de Castelo, un inmoble que actualmente emprega como vivenda non habitual unha familia ligada a un membro da institución eclesiástica que foi anos atrás cura das parroquias limítrofes. O encontro pretende ser tamén unha nova ocasión para facerlle chegar ao máximo mandatario cullerdense a necesidade de buscar unha solución para a polideportiva de Castelo.

Neste sentido, a cuarta solicitude da asociación Castelo Deporte vai encamiñada a solicitar o establecemento da iluminación permanente na cuberta do recinto, a limpeza das marcas de neumáticos da pista, o peche completo do recinto, o acondicionamento dos vestiarios e a ubicación dun punto de corrente eléctrica nestas instalacións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario