Os cullerdenses Skarallaos liderarán a noite de festa e música o 20 de agosto na polideportiva de Castelo

O cartel do Castelo Music Festival 2011 complétano as bandas galegas Glasgow e Sinestesia, xunto cos DJ's Farmer e Arxen, que pecharán unha das noites máis especiais do ano en Castelo


O cartel do Castelo Music Festival enche xa as principais localidades da área metropolitana da Coruña cos nomes dos Skarallaos, Glasgow, Sinestesia e os DJ's Farmer e Arxen como grandes reclamos. A cita, o 20 de agosto na polideportiva de Castelo, chega á súa terceira edición dentro da semana de actividades do Castelo Deporte 2011, que a asociación Castelo Deporte organiza cada verán.

O festival deste ano comezará contra as 22.30 horas para rematar á madrugada coa música electrónica da man de Farmer e Arxen. O primeiro, unha das grandes promesas de Galicia, que con dezaseis anos afronta a súa primeira grande cita cunha traballada experiencia diante dos discos e os equipos de mesturas. Por outra banda, Arxen DJ, un dos grandes da provincia, con decenas de premios e certames ás súas costas, chega ao Castelo Music Festival por segunda vez, logo de inaugurar o evento na súa primeira edición.

Antes, as bandas galegas Glasgow e Sinestesia encherán de pop, rock e indie a pista polideportiva da parroquia cullerdense de Castelo cos seus ritmos pegadizos, de corte actual e cunha grande acollida entre o público máis novo. A mellor música para agardar a participación de Skarallaos.

O grupo cullerdense ven de converterse nos últimos anos nos grandes referentes da música ska e reggae a nivel galego, tanto que actualmente forman parte do proxecto dunha das produtoras de maior proxección, Airapro, da que forman parte os actores Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán, que representan a artistas da talla do que foi líder de Heredeiros da Crus, Tonhito de Poi.

Como é habitual, a asociación Castelo Deporte ofrecerá a través do Castelo Lounge & Drink unha enorme oferta de comida e bebida ao longo de toda a noite, e quedará habilitada na zona un espazo de acampada. Toda a información actualizada atópase na páxina web do festival.

No hay comentarios:

Publicar un comentario