Castelo Deporte proponse recuperar unha casa usurpada aos veciños de Castelo hai décadas

Inicia unha campaña, 'Recuperemos a Casa do Cura', coa que pretende chegar "ata onde sexa necesario" para devolver ao pobo o que nun tempo foi lugar de encontro entre os veciños.


A 'Casa do Cura' ou 'Casa Consistorial', en Castelo, foi durante moitos anos centro neurálxico da actividade e a convivencia entre veciños, cando un párroco empregou como residencia unha vivenda que actualmente a propia Delegación Xeral do Catastro define como 'reitoral'.

O paso do tempo e a inexistencia dunha estrutura organizativa entre os veciños que mantivera o control sobre a casa parroquial, fixo que familiares e achegados do cura tomaran a vivenda para uso particular, ata o día de hoxe, cando unha familia que rexeita calquera tipo de relación co resto da parroquia, ten o control sobre a 'Casa do Cura'.

A asociación Castelo Deporte, dentro dos obxectivos relacionados coa defensa dos intereses dos veciños de Castelo, proponse recuperar o inmoble para darlle unicamente fins sociais que beneficien á parroquia. Por iso, emprende este outono unha campaña na que recollerá todos os apoios necesarios para levar a situación ante a xustiza e completar o traballo de veciños que dende a propia Asociación de Veciños trataron no seu día de recuperar a casa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario