A Maratón de Culleredo posponse ata o outono para non perxudicar á carreira na Coruña do 15 de abril

A organización da proba mantén a súa intención de facela cando o calendario o permita.
O 6 de maio celebrarase no seu lugar unha carreira pedestre nas parroquias de Rutis e O Burgo

Castelo Deporte decide posponer a primeira edición da Maratón de Culleredo, pero non deixa de lado o proxecto. A proba, inicialmente proposta para o 6 de maio, non se celebrará nesa data logo das múltiples chamadas e correos electrónicos de corredores interesados en participar advertindo sobre a proximidade co Campionato Galego de Maratón programado na Coruña para o 15 de abril.

É o motivo fundamental polo que a asociación cullerdense decide variar a data da que pasaría a ser unha das probas máis importantes celebradas no concello nos últimos anos. Organizarase previsiblemente en outono, aínda que a data non se concretará ata os primeiros meses de 2012. Castelo Deporte xustifica no "obxectivo común da promoción do deporte" o cambio de plans, e a través dun portavoz desexa "o maior dos éxitos" á proba que a Federación Galega de Atletismo e o Concello da Coruña levarán á cidade herculina a mediados de abril.

Carreira pedestre por Rutis e O Burgo
O cambio na data da maratón non significa que o 6 de maio quede baleiro no calendario de actividades de Castelo Deporte. A entidade prepara xa unha carreira pedestre de entre quince e vinte quilómetros que percorrería boa parte das parroquias do Burgo e Vilaboa, e na que a organización agarda unha ampla participación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario