Unha única candidatura participará o xoves 29 de decembro nas eleccións de Castelo Deporte

Está formada por catro dos cinco membros da actual. María Pérez substitúe a Lorenzo Domínguez, que pasará a ser asesor na dirección xeral da asociación.

O xoves 29 de decembro será a data na que os socios da asociación Castelo Deporte escollan de novo directiva. Dous anos despois da última convocatoria electoral, e cun nivel de afiliación en máximos históricos, unha única candidatura concorrerá aos comicios ao que están chamados a votar todos aqueles socios ao corrente nos pagamentos anuais de taxas.

Álvaro Pérez Becerra, Alberto Ferreño, Alba Taboada, Carlos Martínez e María Pérez forman parte da candidatura da continuidade, que ven gobernando a asociación desde a súa fundación no ano 2008. Cáese por decisión propia Lorenzo Domínguez, actual tesoureiro en funcións, que é substituído pola coruñesa María Pérez Muñoz. O troco pretende potenciar o control do déficit que na actualidade rexistra a entidade cullerdense. A estes efectos, a nova tesoureira ten previsto reunirse nas próximas semanas coa directiva actual para analizar polo miúdo o detalle das contas da asociación.

As eleccións terán lugar no marco da Asemblea Extraordinaria de Socios, que complementará a unha reunión ordinaria na que se fará balance das actividades realizadas durante o ano 2011 e se presentará o balance económico. As xuntanzas terán lugar no Centro Social Folgueira - Castelo a partir das 20.00 horas (convocatoria ordinaria) e desde as 20.45 horas (convocatoria extraordinaria).

No hay comentarios:

Publicar un comentario