![]() |
| FOTO: JOSÉ DOMÍNGUEZ |
O éxito de participación nunha das catro probas do Open de Galicia Novacaixagalicia de descenso, que o pasado ano congregou a máis de 180 corredores no monte Xalo, anima ao clube School Riders Team e á asociación Castelo Deporte a preparar, xa con data oficial os días 14 e 15 de abril, a segunda edición do evento.
A frutífera colaboración entre ambas entidades favorece un reparto de tarefas no que o clube será o encargado da construción do circuíto, dada a experiencia de moitos dos seus membros entre os que destacan o tamén cullerdense Aaron Caballero, que precisamente foi o gañador dunhas categorías na primeira edición e é na actualidade unha das grandes promesas do descenso a nivel nacional.
Os aspectos fundamentais do circuíto serán presentados nas próximas semanas, e aínda que hai modificacións en relación á pasada edición do evento, manterase a espectacularidade dun trazado que pretende atraer a numeroso público á ladeira do monte Xalo.
O remate da proba será de novo no lugar de Peiro de Arriba, na parroquia de Celas de Peiro, e o Concello de Culleredo colaborará no acondicionamento dos remontes, compromiso adquirido polo alcalde Julio Sacristán cando no remate da primeira edición manifestou a súa satisfacción pola organización do evento.
Haberá de novo categoría de promoción, dirixida aos corredores non federados. A medida sitúase na liña de difusión do deporte de base que Castelo Deporte pretende para cada un dos seus eventos. Segundo está previsto, o sábado 14 de abril haberá adestramentos oficiais á tarde, quedando a proba para a mañá do domingo. Xa antes, desde o venres, o circuíto estará habilitado para adestramentos libres dos participantes na proba, iso si, sen remontes da organización.
Está previsto manter o prezo da inscrición na primeira edición, que será lixeiramente máis elevado para a categoría de promoción, por contar cun seguro de accidentes exclusivo, que no caso das categorías federadas cubre a propia Federación Galega de Ciclismo.
Ademais da web, a páxina en Facebook da proba informará puntualmente sobre toda a actualidade relacionada co evento.
+23.44.54.png)




No hay comentarios:
Publicar un comentario