Inscricións abertas para a terceira edición da Travesía do Xalo, prevista para o 22 de abril

Castelo Deporte lanza a web do evento, na que xa é posible anotarse tanto na modalidade de andaina como de carreira. Por primeira vez a proba será puntuable para a Copa Galega de Carreiras por Montaña, grazas a un acordo de colaboracion coa Sociedade de Montaña Ártabros



















Por terceiro ano consecutivo e partindo do mesmo lugar, a asociación Castelo Deporte traballa xa nunha nova edición da Travesía do Xalo, o evento deportivo que na dobre modalidade de carreira e andaina organiza cada mes de abril pola vertente cullerdense do monte Xalo. A cita deste ano ten xa data, o domingo 22 de abril, e desde hoxe é accesible a súa web con toda a información relativa á proba, así como o formulario de inscrición no que, con prazas limitadas, está xa aberto un proceso que rematará catro días antes da actividade.

Como gran novidade, a inclusión da proba deste ano na Copa Galega de Carreiras por Montaña que organiza a Federación Galega de Montaña. En virtude dun acordo de colaboración coa agrupación Ártabros, a do Xalo será a primeira carreira puntuable para o circuíto de 2012.
No propio formulario de inscrición na web do evento os participantes teñen a opcion de sinalar se desexan anotarse como federados, para así ter que pagar unha taxa lixeiramente inferior, ao ir cubertos polo seguro da federación.

Sobre o percorrido, a Travesía do Xalo deste ano sera a máis dura no apartado técnico, con constantes subidas e baixadas na forma dos dentes dunha serra. A carreira percorrerá 22 km., cun desnivel acumulado de 2200 metros, o maior das tres edicións que se levan celebrado ata o momento.

Castelo Deporte fará un importante esforzo organizativo, con máis de trinta voluntarios distribuídos por diferentes puntos do monte, coa polideportiva de Castelo como centro loxístico. Habera ata tres avituallamentos para que os corredores poidan repoñer forzas, e ao remate ofrecerase un pincho aos participantes.

Na modalidade da andaina, que procura un percorrido no que a beleza do paisaxe non pase desapercibida para os participantes, a ruta atravesará boa parte das sendas da vertente cullerdense do Xalo.

O éxito de participación en edicións anteriores obriga nesta ocasión á organización a establecer un límite de prazas, en 350 corredores na carreira, e 150 na andaina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario