Castelo Deporte recupera o tempo dos grandes retos con tres actividades deportivas en Culleredo, nas que participarán máis dun milleiro de persoas en menos de vinte días. Varios voluntarios da asociación valoran nesta reportaxe o que suporán estas tres semanas de traballo
¿Que opinas das tres semanas seguidas de actividades que temos a finais de abril e principios de maio? Umm... ¿Ten que ser algo positivo? É que non sei que pode ter de positivo. É a transcrición literal da conversa desta tarde con Clara Pérez, responsable de cultura na asociación Castelo Deporte. Representa esa primeira sensación, a da preguiza ao pensar no que ven por diante. Despois, ao darlle dúas voltas e pensalo en frío, a resposta cambia.
As opinións de Laura, Carlos, Alberto, Álvaro, Laura, Alba, Clara e Joselu son semellantes pero con matices. O de pensar en madrugar para preparar todo na explanada de Peiro o día 29 de abril para o Descenso ao Xalo, ou sete días antes en Castelo para a carreira e a andaina, pois non apetece demasiado. Hai cousas boas, e como recoñece Álvaro Pérez Becerra, presidente de Castelo Deporte desde a súa fundación no ano 2008, "se a maior parte das cousas que pensamos desta asociación non fora boas, faríaseme raro ter previsto unha escenificación de masoquismo de tal calibre".
Durante case un mes (porque o traballo, xa en marcha, intensificarase a partir da próxima semana), os máis de trinta voluntarios que conforman o equipo de organización de Castelo Deporte percorrerán centos de veces as mismas estradas de Culleredo, xuntaranse en interminables reunións outras tantas, e prepararán a conciencia cada un dos detalles que a experiencia doutros anos non deixa no limbo.
Por diante, a segunda edición do Descenso ao Xalo, a terceira da Travesía do Xalo, e a primeira da Carreira pola ría do Burgo. "Algo para tomar como un reto, porque para non xuntar todo demasiado o descenso estaba previsto que ocupase a primeira data do calendario, pero o Celta - Depor cambiou os nosos plans", recoñece Pérez Becerra.
Para o responsable de deportes da asociación, Carlos Martínez, "será agotador, pero gústanos o deporte e cunha primavera como esta que mellor maneira de conxugalo todo nun entorno coma o do Xalo ou o da ría do Burgo". O do tempo é unha das cousas que máis preocupan aos membros da asociación, semella pouco probable que a peculiar tendencia meteorolóxica deste inverno se manteña durante moito máis tempo.
Alba Taboada, vicepresidenta de Castelo Deporte, pregúntase onde quedará o tempo para saír e ter tempo libre. É unha das consecuencias de aceptar a responsabilidade que supón facer tanto en tan pouco tempo: durante estes días boa parte do tempo de rapaces e rapazas nos que a media de idade non supera os vinte anos estará dedicado á tarefa desinteresada da organización de eventos deportivos.
"Tantos eventos seguidos teñen algo especialmente positivo: podemos achegarlle aos participantes información sobre outras actividades que organiza a asociación, e así conseguimos chegar a máis xente", valora Clara Pérez. Segundo a opinión de Laura Castro, responsable de publicidade e promoción no organigrama da entidade con sede en Castelo, "o abano de actividades que a asociación prepara para este mes responde á intención de atender aos diferentes gustos e intereses dos participantes habituais nos nosos proxectos".
Na área económica, a acumulación de proxectos nun espazo de tempo tan curto complica o control orzamentario. O propio presidente de Castelo Deporte, que traballa desde hai varios meses na reducción do déficit da asociación, asegura que este mes pode supor o respiro que a entidade precisa na actual situación financeira, pero que se as cousas non saen sobre o previsto o risco para o futuro máis próximo éxiste e é importante.
Cun "estamos moi motivados" resume Laura Rodríguez, outra das membros da asociación cullerdense o sentimento que se vive nestas semanas en Castelo Deporte. "É algo apto unicamente para xente con ilusión e moitas ganas de traballar", opina Alberto Ferreño, vicepresidente da entidade.
Irónicamente pregunta José Luis Vázquez, outro dos voluntarios da asociación, se ten que mentir sobre as cousas positivas que poden ter tres semanas tan intensas. Sábese no entorno de Castelo Deporte que pasar tanto tempo xuntos e traballar tanto pode ter efectos secundarios, e todos dan por feito que a mediados de maio, cando este primeiro ciclo de actividades quede pechado ata o mes de xullo, o cansancio superará esa ilusión que levanta á entidade nos peores momentos. E a ninguén lle preocupa demasiado. Ter tanto que facer tamén permite pasar tempo xuntos, e iso non deixa de ser unha das grandes motivacións de todos os que levan construíndo esta historia desde o ano 2006.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)





No hay comentarios:
Publicar un comentario