Os plans da organización do Descenso ao Xalo sobre a data de celebración da segunda edición do evento víronse afectados polos horarios publicados esta mañá, correspondentes á xornada da Liga Adelante de fútbol na que Celta e Deportivo disputarán o segundo derbi galego da temporada. Contra todo pronóstico, as televisións propietarias dos dereitos e a LFP decidiron situar o partido de Vigo o 15 de abril ás 12.00 horas do mediodía, xusto cando estaba prevista a competición do descenso en Culleredo.
Ante esta situación, e para garantir que o evento do monte Xalo poida converterse nun novo éxito de participación e asistencia de público, School Riders Team e a asociación Castelo Deporte decidiron mudar a data para a fin de semana do 28 e o 29 de abril, nos mesmos horarios e condicións previstas.
Información e inscricións, a partir do mércores en internet
A modificación da data non cambia os plans da organización en relación ao proceso de inscrición. Este mércores ao mediodía, a web oficial do evento iniciará a súa andaina co formulario de rexistro no que os participantes poderán anotarse nas diferentes categorías e modalidades. O portal online incluirá ademais o track do circuíto, así como información útil para público e corredores.




No hay comentarios:
Publicar un comentario