Vintecatro horas non foron suficientes. Contra as 20.15 horas do domingo remataba no polideportivo municipal de Tarrío a segunda edición do Castelo Non Para, un maratón de fútbol sala que a asociación Castelo Deporte organizou en colaboración co Concello de Culleredo para fomentar a práctica deportiva e a convivencia entre a mocidade.
Foron catorce os equipos participantes, e case douscentos os xogadores inscritos que nalgún momento da xornada pasaron por Culleredo para disputar algún partido ou ver desde a grada os encontros que ao longo das vintecatro horas encheron de xeito ininterrumpido de fútbol o recinto deportivo.
No relativo á competición, as previsións cumpríronse, e os equipos favoritos chegaron á fase final do evento, con dúas interesantísimas semifinais entre A Casiña e 10 x Cabeza dunha banda, e Romar contra Inter Mintente doutra. Foron partidos intensos e polémicos (ata con expulsións no primeiro), pero que deixaron unha final aínda máis competida.
Cristian Taboada e Sergio Sande encargáronse da arbitraxe no que 10 x Cabeza e Romar loitaban polos 1000 euros de premio, e o traballo para poñer orde sobre o terréo de xogo foi inxente. Ao remate dos corenta minutos regulamentarios os dous equipos encheran o cupo de cinco faltas, e un xogador do Romar fora expulsado. Despois de que a falta de dous minutos o equipo capitaneado polo porteiro Jacobo Torres empatara o partido, Romar púxose de novo por diante, deixando sen opcións a un 10 x Cabeza que atacaba á desesperada. A falta de escasos segundos, un dobre penalti outorgou unha última opción ao equipo que, para a cita, vestiu con camiseta branca. O balón chegou á rede e o empate sen tempo para máis quedou no marcador.
A tanda de cinco penaltis resolvería a final. O proceso foi rápido pero intenso, ao terceiro lanzamento o equipo de 10 x Cabeza non atopou o fondo da portería e un último lanzamento de Romar deulle ao equipo de Arteixo a victoria no campionato. Bernardo Peiteado e Álvaro Pérez Becerra, concelleiro de Deportes e presidente de Castelo Deporte respectivamente, entregaron os trofeos aos equipos finalistas, e a segunda edición do Castelo Non Para rematou en Tarrío consolidándose como unha das actividades estrela organizadas pola entidade cullerdense.
+09.43.49.png)




No hay comentarios:
Publicar un comentario