O Descenso ao Xalo consolídase coas maiores cifras de participación e público que se recordan na zona

Máis de douscentos corredores e ao redor de oitocentas persoas encheron a parroquia cullerdense de Celas de Peiro nunha auténtica festa do descenso de montaña que se desenvolveu ao longo de toda a fin de semana convocada por School Riders e Castelo Deporte























A segunda edición do Descenso ao Xalo pasou onte á historia do deporte na comarca coruñesa cunhas cifras de participación e seguimento dificilmente superables. Centos de persoas ateigaron as ladeiras do monte cullerdense para vivir un espectáculo sensacional no que o vigués Toni Ferreiro e os locais Carlos Díaz e Aaron Caballero foron os grandes triunfadores.

A metereoloxía respectou a celebración da proba, e unicamente a primeira hora do domingo a chuvia descargou de forma intensa sobre o circuíto. Contra as once da mañá comezou a proba cos participantes na categoría de promoción, e ben entrado o mediodía entregábanse os trofeos na explanada de meta coa presenza do concelleiro de Deportes e Participación Cidadá de Culleredo, Bernardo Peiteado.

Máis de douscentos participantes inscribíronse nunha proba coorganizada pola asociación Castelo Deporte e o clube School Riders, os dous con sede en Culleredo. No desenvolvemento do evento participaron máis de trinta voluntarios, ademais dos medios aportados por Protección Civil e a Policía Local de Culleredo. Unha ambulancia e unha UVI móbil garantiron ao longo da carreira a seguridade dos participantes, aínda que a competición se desenvolveu sen incidentes graves.

Participantes, público e mesmo os veciños da zona amosáronse moi satisfeitos co resultado da actividade, que entre outras cousas axudou á dinamización do monte Xalo como zona de excelentes condicións para a celebración de probas deportivas deste tipo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario