Castelo Deporte manifesta o seu pesar polas informacións publicadas hoxe, e ao mesmo tempo pide desculpas por non ter contactado coa plataforma para organizar conxuntamente a proba
Logo das informacións publicadas hoxe en diferentes xornais, a asociación Castelo Deporte quere ofrecer as explicacións oportunas para deste xeito contestar aos comentarios da Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo. En todo caso e por diante, a directiva da entidade quere recoñecer o traballo e a loita desta plataforma por unha solución definitiva á cuestión da Ría do Burgo, e do mesmo xeito considera que se hai algunha organización lexitimada para propor accións encamiñadas á protección da ría esta á e Plataforma.
O 15 de novembro do pasado ano, a asociación Castelo Deporte publicaba na súa web a decisión de non celebrar na primavera de 2012 a maratón prevista por Culleredo. No último parágrafo da información, sinalaba que "o cambio na data da maratón non significa que o 6 de maio quede baleiro no calendario de actividades de Castelo Deporte. A entidade prepara xa unha carreira pedestre de entre quince e vinte quilómetros que percorrería boa parte das parroquias do Burgo e Vilaboa, e na que a organización agarda unha ampla participación". Sorpréndenos pois a acusación de terlle robado unha idea á plataforma, cando o evento levaba previsto desde hai seis meses.
Sobre o asunto das supostas finalidades lucrativas, debemos informar que todos os participantes (agás os nenos), pagan unha taxa de 5 euros que cubre unha camiseta conmemorativa (2,95 €) e seguro de accidentes (1,10 €). Os 0,95 € restantes por participante destínanse a gastos organizativos (cartelería, loxística na zona de meta, acreditacións, mateiral de oficina, web...).
A maiores, ofrécese aos participantes a posibilidade de aportar 3 euros destinados a unha acción simbólica pola rexeneración da ría. A organización do evento traballa en diferentes alternativas, a doazón a unha asociación ecoloxista, ou mesmo á propia Plataforma pola Defensa da Ría, os que doutra banda consideramos máis capacitados para decidir o mellor destino para esta cantidade económica (que en todo caso non supera os 500 euros).
Castelo Deporte ponse a disposición de calquera particular ou entidade que desexe coñecer con máis detalle o destino das taxas de inscrición desta ou de calquera outra actividade organizada ata o momento: consideramos a transparencia nas finanzas da asociación un dos nosos sinais de identidade.
Por último, a asociación quere trasladar publicamente as súas desculpas á Plataforma pola Defensa da Ría por non ter contactado con anterioridade á celebración deste evento para buscar deste xeito puntos en común ou mesmo unha organización conxunta. Facemos seu o noso obxectivo para este domingo, convidamos á participación de todas as entidades que integran a plataforma no evento, e mesmo poñemos a disposición desta organización a carreira do 6 de maio para calquera reivindicación relativa á protección da ría. Da mesma forma, declinamos facer ningún tipo de declaración institucional no propio evento relativa á situación da ría, deixando na lexítima representación organizativa da problemática, a da plataforma, este tipo de cuestións.
Lamentamos, por último, a distorsión sobre o obxectivo das dúas entidades coa organización destas ou outras actividades, e lamentamos a forma empregada, a través dos medios de comunicación, para facer máis grande unha polémica que polo que a Castelo Deporte se refire queda pechada coa citada desculpa e a total disposición ao entendemento e a unión entre entidades.
Culleredo, 4 de maio de 2012
Comunicado sobre a nota da Plataforma pola Defensa da Ría arredor da carreira do domingo
CASTELODEPORTE.ORG -
4.5.12
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)




No hay comentarios:
Publicar un comentario