Masiva participación na carreira pola protección da ría do Burgo organizada por Castelo Deporte

Case setecentos participantes percorreron dez quilómetros ao pé da ría do Burgo para recordar a importante de recuperar canto antes unha das contornas medioambientais máis importantes da comarca. Varios centos de persoas seguiron a proba ao longo de todo o circuíto e gozaron coas carreiras infantiles nas que participaron máis de cen rapaces de entre dous e quince anos




















O rexistro de inscritos non deixaba lugar ás dúbidas e a previsión cumpriuse. Centos de persoas ateigaron o domingo o paseo marítimo da parroquia cullerdense do Burgo para participar na primeira edición da carreira Coruña The Style Outlets pola protección da ría. Unha actividade organizada pola asociación Castelo Deporte coa colaboración do coñecido centro comercial e de dous departamentos do propio concello.

A ruta, que comezou nas inmediacións das pistas polideportivas do paseo, chegou ata a Ponte da Pasaxe e cruzou a ponte do Burgo, desenvolveuse sen incidencias e baixo a supervisión de máis de quince voluntarios da asociación organizadora, seis membros de Protección Civil e outros tantos da Policía Local de Culleredo. O gañador, Manuel Oliver Pérez, fixo os 8,3 quilómetros dos que estaba composto o percorrido en pouco máis de vinteseis minutos, chegando á meta pasadas as once e media da mañá.

O tempo acompañou, e por momentos o sol brilou sobre unha ría que por un día foi protagonista dunha proba deportiva. O obxectivo do evento era visibilizar o problema dunha prometida rexeneración para a que ano a ano non se atopa solución, chegando incluso ao recorte de todas as partidas relacionadas con esta contorna nos orzamentos do presente exercicio.

Ao remate da carreira absoluta, os nenos foron os protagonistas, con percorridos de 300 metros, un e dous quilómetros polas inmediacións da zona da meta dos maiores. O público aplaudiu con forza aos centos de rapaces que participaron dunha actividade que todos completaron sen maiores dificultades.

Tres euros pola rexeneración da ría

Na inscrición para o evento do domingo os participantes tiveron a oportunidade de donar tres euros pola rexeneración da ría. Finalmente, foron máis de cento cincuenta os corredores que decidiron optar por esta modalidade, e a organización valora xa o destino dos cartos recadados. Co obxectivo de pechar a polémica xurdida a pasada semana por un comunicado da Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo, Castelo Deporte ten previsto ofrecer a esta entidade a cesión do importe total dos donativos para que sexa esta entidade a encargada de atoparlle o mellor fin posible. Se a resposta non é positiva, a asociación donará a unha entidade ecoloxista que traballe nesta contorna a cantidade recadada.

O peche a tres semanas de actividades

Coa actividade do domingo Castelo Deporte pon o punto e final a tres semanas consecutivas de actividades deportivas no concello de Culleredo que comezaron o pasado 22 de abril coa Travesía do Xalo e continuaron en Peiro a pasada semana co Descenso ao Xalo. En tanto a directiva da entidade se reúne para emitir unha valoración formal sobre a programación de actividades desta primavera, son xa datos oficiais a participación de 1307 deportistas procedentes de diferentes puntos de Galicia e toda a península nalgún dos eventos organizados pola asociación cullerdense. Neste sentido, Castelo Deporte sitúase de novo como unha das entidades sen ánimo de lucro máis activas da área metropolitana da Coruña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario